Na nosa aldea, Arcos de Valdeorras, como en tantos centos delas do noso país, a cociña da casa converteuse desde a antigüidade no centro de reunión dos veciños e veciñas máis próximos, cara ao anoitecer, cando os labores do campo remataban ata o día seguinte. A carón do lume da fogueira, onde se preparaba a cea adoitaban falar dos aconteceres diarios do lugar ata ben entrada a noite.
Entre grolos de viño e cuncas de café con chicoria, xurdían as historias máis recentes e as lendas... a meirande parte delas adornadas de misterio, de pantasmas, de lobishomes, de aparicións, da Santa Compaña, ou das lembranzas da fratricida loita acabada de rematar pero viva nas lembranzas.
Os rapaces e rapazas escoitabamos unhas veces con atención, outras con temor. Ben sabiamos que despois nos custaría prender no sono... aínda así ficaron gravadas na nosa memoria.
Un día, alá polos catorce ou quince anos, decidín ilas contando nas follas dalgúns cadernos. Levou varios anos a tarefa, xa que non lle dedicaba o tempo suficiente, e ficaron entre durmidas e espertas agardando que algún día as sacase do esquecemento.
Como a todo, chegoulle a hora, coa soa intención de revivir aqueles recordos cos meus veciños e veciñas e con quen desexen coller estas follas entre as mans.